Matilde Massó

Profesora Titular.

Matilde Massó é profesora titular de Socioloxía na Universidade da Coruña e, dende novembro de 2024, presidenta da Asociación Galega de Socioloxía. As súas liñas de investigación enmárcanse no ámbito da socioloxía económica, cun enfoque nas transformacións do diñeiro, a influencia da moral no comportamento económico e os procesos de exclusión financeira.

Licenciada en Socioloxía pola Universitat Autònoma de Barcelona (2001), obtivo unha bolsa predoutoral FPI vinculada ao centro QUIT/UAB, onde participou activamente en proxectos de I+D+i financiados en convocatorias públicas competitivas. En 2008, obtivo o doutoramento en Socioloxía pola UAB, acadando polo seu traballo de tese o Premio Extraordinario de Doutoramento e o Premio do Consello Económico e Social de Cataluña. No curso 2017-2018, foi investigadora Marie Skłodowska-Curie (Individual Fellowships) no Instituto Bauman da Universidade de Leeds.

Ao longo da súa traxectoria, participou en numerosos proxectos do Plan Nacional, sendo investigadora principal en catro deles (convocatorias de 2022, 2019, 2016 e 2013) e membro do equipo solicitante noutros proxectos. Actualmente, coordina o grupo G11 “Southern European Societies” da Federación Española de Socioloxía (FES), onde tamén exerce como vicepresidenta de publicacións. Así mesmo, é membro activo da Rede RN09 de Socioloxía Económica da European Sociological Association (ESA).

No ámbito académico, a Dra. Massó publicou numerosos artigos en revistas científicas indexadas en bases como JCR e Scopus. Ademais, dirixiu cinco teses de doutoramento, todas elas financiadas mediante contratos predoutorais. Tamén realizou un total de seis estadías de investigación en universidades estranxeiras en Europa e Asia, tres delas cunha duración igual ou superior a un ano en institucións de prestixio como a Jawaharlal Nehru University (Nova Delhi), o ISEG-Universidade de Lisboa e a Universidade de Leeds.

 

m.masso@udc.es

Perfil ORCID

Perfil Google Scholar

Perfil UDC