Crisis, dinámicas migratorias y condiciones de vida de la población migrante en España. Análisis comparado de los efectos de la Gran Recesión y la Gran Pandemia (CRISMIG)
- Entidade financiadora: Ministerio de Ciencia e Innovación
- Duración: 01/09/2021-31/08/2024
- Investigadora responsable: Antía Pérez Caramés
Resumo:
Esta investigación proponse estudar a relación entre as crises e o fenómeno migratorio en España integrando a análise das dinámicas migratorias e as condicións de vida da poboación migrante baixo un dobre ángulo comparativo. Por unha banda, a mirada conxunta das implicacións das dúas crises máis recentes, a Gran Recesión de 2008 e a actual pandemia e, por outra, o estudo comparado de catro grupos migrante, dous asentados en España (empregadas de fogar migrantes e temporeiros/as agrícolas), e dous emigrados fóra de España (mozos autóctonos/as e reemigrantes desde España a outro país europeo).
Esta proposta enmárcase nunha reflexión teórica e de antecedentes que animan a reconsiderar o papel das crises nun marco temporal de análise máis ampla que dea conta da súa imbricación en procesos de transformación socioestrutural de longo alento e que resalte a importancia da análise comparada e multinivel do fenómeno migratorio. Baixo este ángulo de análise, atopamos contribucións que sinalan a relevancia das estratexias de arraigamento por parte de migrantes en períodos de desacougo e apuntan ao papel de nichos refuxio de certos sectores laborais como o emprego de fogar e, en boa medida, o traballo agrícola. Tamén se sinalou a intensificación das migracións cualificadas en períodos de crises, así como o carácter estratéxico da posesión de residencia legal permanente ou mesmo a nacionalidade española para a posta en marcha de estratexias de mobilidade intraeuropea.
A investigación desenvolverase seguindo un marco analítico que unifica a explicación multinivel do fenómeno migratorio, tendo en conta as estratexias de mobilidade e inmobilidade desenvolvidas por migrantes e fogares transnacionais, coa comparativa dos catro grupos seleccionados para o estudo (empregadas de fogar migrantes, temporeiros/as agrícolas, mozos/as autóctonos/as emigrados/as e reemigrantes de España a outros países europeos).
A aproximación metodolóxica repousa nunha estratexia multimétodo que articula técnicas cuantitativas e cualitativas mediante unha estratexia de triangulación de carácter secuencial e que incorpora a participación dos principais axentes implicados na investigación na discusión dos seus resultados.
Equipo de investigación:
-
- Josefina Domínguez Mujica (Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, ULPGC)
- Natalia Rivas Quarneti (Universidade da Coruña, UDC)
- Erika Masanet Ripoll (Universitat de València, UV)
- Nuria del Álamo Gómez (Universidad de Salamanca, USAL)
- Antía Domínguez Rodríguez (Universidade da Coruña, UDC)
- Juana Moreno Nieto (Universidad de Cádiz, UCA)
- Iria Vázquez Silva (Universidade de Vigo, UDV)
- Beatriz Ranea Triviño (Universidad Complutense de Madrid, UCM)
- Yoan Molinero Gerbeau (Universidad Pontificia de Comillas)