Raquel Martínez Buján
Profesora Titular
Raquel Martínez Buján é profesora titular no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. Conta con 3 sexenios de investigación e 1 de transferencia. Foi decana deste centro académico (2017-2021) e Xestora no Panel de Ciencias Sociais da Axencia Estatal de Investigación (2021-2023), onde realizou tanto labores de avaliación e seguimento de proxectos de investigación competitivos, como das convocatorias de recursos humanos financiadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na actualidade é coordinadora do Equipo de investigación ESOMI (Equipo Investigación Sociedades en Movemento).
Doutora en Socioloxía (2008, UDC), o seu traballo de investigación dirixiuse ao ámbito das Migracións Internacionais, a Socioloxía do Coidado e a Familia, e a análise das Políticas Públicas e Sociais. Desde o inicio da súa traxectoria académica, o seu foco de atención investigador estivo centrado na análise dos fluxos migratorios femininos e as necesidades de coidados dentro das familias. A aproximación a este obxecto de estudo desenvolveuse dentro do contexto da política social analizando o impacto dos programas públicos orientados aos coidados de longa duración na creación dun mercado laboral irregular baseado na man de obra das mulleres migrantes contratadas como empregadas de fogar. Recentemente, o seu traballo centrouse en caracterizar o ámbito comunitario da organización social do coidado, polo que o seu interese se trasladou ao estudo da sustentabilidade da vida. Na actualidade, a súa atención investigadora concéntrase en explorar as recentes dinámicas de comercialización e corporatización da provisión dos coidados a través de axencias de intermediación, plataformas dixitais e cooperativas de traballadoras. Así mesmo, mantén activa unha liña de traballo sobre a privatización das residencias de persoas maiores e en situación de dependencia. Realizou diversas estancias de investigación que enriqueceron a súa bagaxe profesional e ampliaron as súas redes internacionais de colaboración. A última delas desenvolveuse na Universitá Ca’Foscari de Venecia (xuño-decembro 2023) financiada polo prestixioso Programa de Mobilidade Salvador de Madariaga.
Foi investigadora principal de 3 proxectos do Programa Nacional de I+D+i. O último deles titúlase, «El modelo de cuidados de larga duración en transición: la articulación de programas comunitarios en el sistema público de bienestar tras la Covid-19», (PID2020-114887RB-C33), período 2021-2025. Tamén participa activamente con proxectos vinculados á transferencia a institucións públicas, entre os que destacan a súa actual colaboración coa realización dos Informes sobre exclusión y desarrollo social, da Fundación Foessa, e a Evaluación del sistema de promoción de la autonomía personal y atención a las personas en situación en Dependencia, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Os seus traballos teñen un elevado impacto científico (Índice h=22; Citas=2.091, cifras Google Scholar) e entre as súas últimas publicacións inclúense: «Welfare Paradoxes and Interpersonal Pacts: Transnational Social Protection of Latin American Migrants in Spain» (Social Inclusion; con L. Oso); «Migrations, care work and social risks: the contradictions of welfare in the context of Covid-19» (Migraciones; con P. Moré). É membro do Comité Editorial das revistas Papers e Cuadernos de Relaciones Laborales.