Raquel Martínez Buján

Profesora Titular

Raquel Martínez Buján é profesora titular no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña e está acreditada como catedrática de universidade pola ANECA desde novembro de 2024. Conta con 4 sexenios de investigación e 1 de transferencia. Foi decana da Facultade de Socioloxía (2017-2021) e xestora no Panel de Ciencias Sociais da Axencia Estatal de Investigación (2021-2023), onde realizou tanto labores de avaliación e seguimento de proxectos de investigación competitivos, como das convocatorias de recursos humanos financiadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na actualidade é coordinadora do equipo de investigación ESOMI (Equipo Investigación Sociedades en Movemento).

Doutora en Socioloxía (2008, UDC), o seu traballo de investigación dirixiuse ao ámbito das migracións internacionais, a socioloxía do coidado e a familia, e a análise das políticas públicas e sociais. Desde o inicio da súa traxectoria académica o seu foco de atención investigador estivo centrado na análise dos fluxos migratorios femininos e as necesidades de coidados dentro das familias. A aproximación a este obxecto de estudo desenvolveuse dentro do contexto da política social, analizando o impacto dos programas públicos orientados aos coidados de longa duración na creación dun mercado laboral irregular baseado na man de obra das mulleres migrantes contratadas como empregadas de fogar. Recentemente, o seu traballo centrouse en caracterizar o ámbito comunitario da organización social do coidado, polo que o seu interese se trasladou ao estudo da sustentabilidade da vida. Na actualidade, a súa atención investigadora concéntrase en explorar as recentes dinámicas de comercialización e corporatización da provisión dos coidados a través de axencias de intermediación, plataformas dixitais e cooperativas de traballadoras. Así mesmo, mantén activa unha liña de traballo sobre a privatización das residencias de persoas maiores e en situación de dependencia. Realizou diversas estadías de investigación que enriqueceron a súa bagaxe profesional e ampliaron as súas redes internacionais de colaboración. A última delas desenvólvese na Universitá Ca’Foscari de Venecia (xuño-decembro 2023) financiada polo prestixioso Programa de Mobilidade Salvador de Madariaga.

Foi investigadora principal de catro proxectos do Programa Nacional de I+D+i. O último deles titúlase “Coidados de longa duración, mercados e desigualdades: axencias de intermediación, plataformas dixitais e cooperativas de traballadoras (CAREMARKETS)” (PID2024-155905OB-I00), período 2025-2028. Tamén participa activamente con proxectos vinculados á transferencia a institucións públicas, entre os que salientan a súa actual colaboración coa realización dos “Informes sobre exclusión e desenvolvemento social” da Fundación Foessa e a “Avaliación do sistema de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación en dependencia” financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Os seus traballos teñen un elevado impacto científico (Índice h=24; citas=2.529, cifras de Google Scholar) e, entre as súas últimas publicacións, inclúense: “El lucro está en la precariedad: las condiciones laborales en la provisión de cuidados en los centros residenciales” (2025, Revista Internacional de Sociología; con J. Nogueira); “Navigating care in the assemblage of (im)mobilities: social protection strategies among Latin American transnational families in the post-pandemic period” (2025, Population, Space and Place; con L. Oso e P. Morei) “Home care for profit: Intermediary agencies and digital platforms brokering migrant women’s labour in Spain” (2024. Current Sociology; con P. Morei).

raquel.bujan@udc.es

Perfil ORCID

Perfil Google Scholar

Perfil UDC