Digitalización del trabajo y movilidades en Europa: Migraciones de retorno y nomadismo digital (REMOTEWORK)
- Código: PID2023-148842NB-I00
- Entidade financiadora: Proyectos de Generación de Conocimiento, Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades
- Duración: 01/09/2024 – 31/08/2027
- Cuantía da subvención: 75.000 €
- Investigadoras responsables: Fernández Suárez, B. (IP1) (UDC) / Mancinelli, F. (IP2)
- Membros ESOMI participantes: Tina Magazzini (UDC), Sandra López Pereiro (UDC), Laura Cobelo (UDC)
O proxecto de investigación céntrase en analizar o impacto do traballo a distancia nas mobilidades de persoas cualificadas cara a España. Compáranse dous estudos de caso: o retorno de migrantes españois que conservan o seu emprego no estranxeiro grazas ao traballo remoto e a chegada de nómadas dixitais. A investigación busca comprender as implicacións sociais, culturais e políticas, tanto a nivel local como nacional, destas novas formas de mobilidade laboral.
O proxecto xorde a partir da observación dunha tendencia crecente nos países industrializados, incluíndo España, para atraer traballadores cualificados mediante a implementación de leis e políticas migratorias específicas, como a Lei Startup (Lei 28/2022), que busca fomentar a creación e o investimento en empresas emerxentes de base tecnolóxica, promovendo ademais un visado especial para nómadas dixitais, ou o Plan de Retorno a España. Esta tendencia súmase á crecente normalización do traballo a distancia na Unión Europea, acelerada durante a pandemia de COVID-19. Esta situación deu lugar a un impulso regulador que en España se materializou na Lei 10/2021 de traballo a distancia, onde se destaca a función esencial do traballo a distancia para fomentar a reubicación da poboación en áreas rurais. Así, obsérvase como a dixitalización do traballo e a flexibilización laboral xeran cambios na mobilidade e na xeografía laboral en paralelo cunha crise do emprego asalariado. España sempre foi un destino privilexiado polo turismo e pola calidade de vida, e esta vocación xustifica as súas iniciativas pioneiras para fomentar as mobilidades cualificadas.
A partir destas circunstancias, o proxecto pregunta que formas de re-territorialización (entendidas como novas maneiras de comprender a relación coa comunidade, a localidade e o Estado) está a provocar o potencial de mobilidade ofrecido polo traballo a distancia e o teletraballo en España. Interésase en investigar que tipos de novos paisaxes se están producindo, concretamente respecto aos usos do espazo, aos imaxinarios dunha boa vida, á existencia dunha industria de intermediarios para estas migracións privilexiadas, e ás consecuencias destas novas mobilidades respecto aos proxectos colectivos de comunidade, solidariedade e estado social, incluíndo estratexias utilitarias como a solvencia fiscal ou a implicación política. Considérase que o traballo a distancia é unha práctica laboral que chegou para quedar e que indica un cambio futuro no paradigma laboral, con impactos significativos sobre os fluxos de mobilidade humana. Por esta razón, estímase necesario profundizar nas súas implicacións para a identidade e os proxectos persoais e profesionais das persoas implicadas, observar se existen diferenzas de xénero e posibilidades de inclusión, así como prestar atención aos impactos socioculturais destas novas oportunidades profesionais sobre os territorios que as acollen.
A investigación baséase principalmente nunha metodoloxía de tipo cualitativo, empregando técnicas de investigación mixtas (entrevistas semiestruturadas, etnografía en liña, análise de normativas e literatura gris) para a recompilación das evidencias empíricas.