El modelo de cuidados de larga duración en transición: la articulación de programas comunitarios en el sistema público de bienestar tras la Covid-19

  • Entidade financiadora: Ministerio de Ciencia e Innovación
  • Duración: 1 setembro 2021-30 agosto 2024
  • Investigadoras responsables:Raquel Martínez Buján e Magdalena Díaz Gorfinkiel

Resumo: 

O obxectivo deste proxecto coordinado reside no estudo do actual modelo de atención a persoas maiores e dependentes, visualiza as súas consecuencias, limitacións e contradicións á vez que ofrece novas fórmulas desde as que configurar mecanismos que alenten a interdependencia e o coidado mutuo. A emerxencia sanitaria xerada pola COVID19 puxo de manifesto a fraxilidade da actual organización social dos coidados e reflicte, por tanto, a necesidade de reflexionar sobre modelos alternativos de coidados e de ofrecer opcións para a súa reorganización. Para conseguir esta meta adoptarase unha perspectiva interseccional, é dicir, que se incorporará á análise a exploración de diversas desigualdades sociais como as relativas á clase social, o xénero ou a etnia. Pártese da premisa de que a consecución dun novo modelo de coidados debe promover unha distribución socialmente xusta, e para iso débese incidir na redución das desigualdades no acceso aos recursos de coidado, o fomento da corresponsabilidade dos homes na provisión deste e a diminución da racialización e a precarización das condicións de traballo no sector. En definitiva, a planificación de novos modelos debe incidir na reformulación das coordenadas baixo as cales se enmarca a distribución dos coidados entre as administracións públicas, os fogares, o mercado e a comunidade.

Este proxecto céntrase, precisamente, en analizar as posibilidades da esfera comunitaria na promoción dun modelo de coidados que fomente a democratización e redistribución equilibrada da súa provisión. O fin último consiste en detectar as posibilidades de converter a comunidade nunha axencia desde a que lanzar novas alternativas de coidados vinculadas ás realidades locais e promovidas a través da súa conexión cos ámbitos públicos do benestar. Esta aproximación analítica ancórase tanto no prolífico desenvolvemento conceptual ao redor da idea do común e o commonfare como nas recentes experiencias cooperativas desenvolvidas en diversos municipios do territorio español. A actual crise económica, social e sanitaria deixou claras mostras da emerxencia da comunidade na provisión dos coidados, en función do esgotamento nas respostas dos servizos sociais convencionais ante os novos riscos da sociedade, así como dos límites dos programas públicos para responder con dinamismo a estas demandas.

Este subproxecto, por tanto, propón analizar o potencial das redes e dinámicas comunitarias para articularse como unha esfera vectora e articulada cos outros ámbitos dos coidados que garanta a provisión de coidados de calidade e a sustentabilidade da vida nun escenario incerto de poscrise e transición social.

Equipo de investigación:

Paloma Moré, Félix Arrieta, Bakarne Etxeberría, Martín Zúñiga, Matxalen Legarreta, Marina Sagastizabal, Begoña Elizalde, Cristina García, Christel Keller, Daniel Prieto, Elin Peterson.