ESOMI

cab7.jpg

Benvido e benvida ó ESOMI

O Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) ten a súa sede na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña (España) e desde o ano 2006 forma parte do programa de "Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas" da Xunta de Galicia. O seu obxectivo principal é liderar investigacións de alta calidade no ámbito das migracións internacionais e que desde unha perspectiva sociolóxica permitan avanzar no coñecemento teórico desta área e que sexan de utilidade para a planificación de políticas públicas. Ademais, o ESOMI é un grupo que ten unha finalidade formativa xa que dirixe o Máster Oficial de Migracións Internacionais e nos últimos anos os seus membros dirixiron diversas teses doutorais.

O ESOMI está coordinado por Laura Ouso Casas e a súa fundación, no ano 2004, foi realizada por Antonio Izquierdo Escribano. Está formado por investigadores/as cunha ampla traxectoria no estudo das migracións no espazo europeo, africano e latinoamericano. Entre as súas liñas de investigación destacan:

Políticas migratorias: Análise da lexislación local, autonómica, nacional e internacional no ámbito das migracións internacionais e a súa influencia na composición dos modelos migratorios.

Dinámicas migratorias: Explora os fluxos migratorios desde e cara a España estudando os factores que inhiben ou facilitan os desprazamentos de poboación.

Xénero e mercados laborais: Estudo da inserción laboral da poboación inmigrante en España e dos condicionantes socioeconómicos que promoven a contratación de man de obra migrante nuns determinados nichos laborais.

Identidade e cidadanía: Análise dos elementos que promoven a identidade entre a poboación migrante e os seus descendentes así como os vínculos existentes entre mobilidade e cidadanía. Relación entre identidade e relixión.

Benestar e Coidados: Explora as conexións entre a provisión de benestar e o modelo migratorio e os beneficios deste último ao réxime de coidados nos países de recepción. Análise das reorganizacións de coidados nas familias migrantes e alteracións nos roles de xénero a partir dos desprazamentos.

Migración e Desenvolvemento: Estudo da capacidade dos migrantes para promocionar o desenvolvemento dos seus países de orixe e dos países de destino a partir dos procesos de mobilidade laboral e social derivados da acumulación de capitais financeiros e sociais a partir do seu desprazamento. Estratexias inter-xeracionais de mobilidade social. Identidade e mocidade.

 

 

Eventos

 
ESOMI
SIGUENOS EN: facebook twitter facebook