Montserrat Golías Pérez
Profesora Contratada Doutora
Doutora en Socioloxía e Máster en Migracións Internacionais, con dobre especialización en políticas migratorias e mediación intercultural. Investigadora do ESOMI desde a súa fundación, participou en máis de trinta proxectos competitivos e contratos de transferencia a nivel autonómico, estatal e europeo. Conta cun sexenio de investigación e é profesora no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña desde 2014.
Na Facultade de Socioloxía da UDC, ocupou diversos cargos: Vicedecana de Calidade (2019-2021), Secretaria Académica (2017-2019), Coordinadora do Grao en Socioloxía (2021), Coordinadora do Plan de Acción Titorial (2017-2021) e Representante de Igualdade (2020-2023). Tamén formou parte do Comité Green Campus e do Grupo de Innovación Docente “ConCienciaSocial”. É investigadora vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario dos Paisaxes Atlánticos Culturais (CISPAC) e, dende 2025, vicepresidenta da Asociación Galega de Socioloxía (AGS).
A súa investigación céntrase nas mobilidades internacionais e na memoria histórica. A súa tese doutoral (UDC, 2014), dirixida por Antonio Izquierdo, analizou o impacto da Lei de Memoria Histórica en Cuba e Arxentina, explorando a transmisión da nacionalidade española como legado material e simbólico en familias migrantes. Froito deste traballo, publicou Los herederos de la ciudadanía (Icaria, 2017). Actualmente, estuda as mobilidades intraeuropeas desde unha perspectiva interseccional, liderando xunto a Anastasia Bermúdez (Universidad de Sevilla) o proxecto “Intersecting crises post-2020 and impact on intra-EU (im)mobilities: Spanish transmigrants’ labour and family strategies” (Ministerio de Ciencia e Innovación, 2022). Dende 2025, coordina na UDC o WP8 “Creating a sustainable, inclusive and resilient Campus”, dentro da alianza universitaria europea EMERGE, financiada pola Comisión Europea (Erasmus programme).
Realizou estandías en centros de investigación internacionais, a máis recente no Instituto de Investigacións Gino Germani (UBA) no marco do proxecto europeo INCASI-1.
No ámbito da transferencia, participou en estudos pioneiros como Mareas de Pluralismo (Fundación Pluralismo e Convivencia), sobre minorías relixiosas en Galicia, e o primeiro informe sobre a Fenda Salarial de Xénero nas Universidades Públicas Españolas (Ministerio de Universidades e ANECA), onde foi co-directora xunto a Matilde Massó. Tamén colaborou en contratos con entidades do terceiro sector, como Ecos do Sur ou a Fundación CEPAIM.